xoves, 4 de abril de 2019

Aldaolado

Unha mañá de outubro visitaron a nosa biblioteca dúas rapazas, Lucía e María, que forman o dúo Aldaolado. Ofrecéronnos un recital poética como agasallo do FIOT. O seu humor fixo que pasasemos un bo rato e que aprendesemos a apreciar a poesía.
Este é un dos xéneros literarios con menos recoñecemento. A súa situación é semellante á do galego, que como nos explicaron, está minorizado polo castelán e de nós depende que non desapareza. Transmitíronnos a mensaxe de que o galego debe ser esencial para as nosas vidas.
Con esta visita, pretendían achegarnos un pouco máis este xénero, demostrando tamén o fermoso que é o noso idioma, obxectivo que acadaron dun xeito lúdico e didáctico, acompañando as súas palabras de constantes bromas que lle deron un toque humorístico, pero sen esquecer a profundidade dos seus poemas, algúns compostos por elas mesmas, grazas ao toque musical de Lucía, que nos deleitou coa súa fermosa voz. María Lado foi moi simpática, ten unha forma máxica de recitar. Gustounos especialmente o seu poema “Pintados nun muro”.
Nós mesmos, cara ao final da actividade, convertémonos en poetas e xuntamos versos de poemas de autores galegos para crear unha composición de noso.
Compartimos momentos moi divertidos e fixémonos conscientes da importancia do noso idioma e do fermosa que é a poesía.
O que fan estas artistas achega o galego e a poesía aos máis novos, utilizando a musica e os xogos. Conseguiron transportarnos a outro mundo e poder apreciar así o traballo das poetas.
Esperamos que volvan a facer outra actividade así no noso centro, xa que foi unha experiencia única que nos gustaría repetir.
Grazas a Aldaolado por este momento.
Alumnado de 1º BACH do IES Monte Neme

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Foliada das Letras galegas

https://www.youtube.com/playlist?list=PLx-RPPYH8hJ_uFtkIbFCqUyGVcqW0nADj Nesta ligazón á nosa canle de Youtube poderedes ...